HISTORIA DO FESTIVAL
O
festival Sons do vento xurde fai cinco anos (2004) como iniciativa dun
grupo de rapaces, todos eles integrantes da “Asociación Cultural e
Deportiva Amigos do Mosteiro de Melón” amantes da música tradicional e
do folque. Con moita ilusión e gañas poñen en funcionamento unha
maquinaria que lles permite, non sen moitos problemas a organización
dun festival; feito impensable uns anos atrás nun pobo tan pequeno como
é Melón.
O nome de Sons do Vento quere facer unha
analoxía entre a climatoloxía algo aireada de Melón (venche moito aire
do norte!!) e as condicións e características do instrumento tan amado
por estes rapaces e rapazas; a gaita.
O símbolo do
festival e unha figura tomada da arte rupestre galega ao ar libre, da
época prehistórica, que representa en Galiza unha extensa tipoloxía. O
noso logo é un petroglifo atopado no Concello pontevedrés de Oia, nun
lugar chamado “A carradiña” e representa un ser humán que podía
simbolizar a imaxe dun heróe mítico, o fundador dun clan, ou ben, ser a
representación sacralizada dalgunha divinidade.
Tras os
dous primeiros anos de existencia do festival, cheos de éxitos de
actuacións e público, e participando grupos da Galiza tan coñecidos
coma: Coanhadeira, Xerfa, Cuchufellos, A Compañía do Ruido, entre
outros… Na terceira edición comenzan a colaborar coa asociación Amigos
do Mosteiro outros mozos e mozas do Concello, aportando novas ideas e
novos gustos musicais coma o rock, ska, punk, etc… Polo que desta unión
nacerá un festival un pouco máis global, musicalmente falando, pero sen
esquecer as súas raíces tradicionais.
Nestas dúas
últimas edicións reflectiuse a música que se fai no país, cada día de
máis calidade e maior variedade, contando con grupos que van dende a
música balcánica da Turre´s Band de Mós, pasando pola caribeña dos
vigueses Transilvanians e Kogito, a celta con aires punk dos Motor
Perkins de Lalín, a folque de Crema de Gaita e a reivindicativa dos
Skama la Rede de Asturies e Skarnio de Vigo; todo elo adobado sempre
coa actuación da Banda de Gaitas Amigos do Mosteiro e algún grupo de
baile tradicional, pandereiteiras ou cantareiras.
Este
ano queremos ir un pouco máis alá, e amosar outras músicas que se fan
no estado español sempre empapadas da tradición galega e músicas da
nosa terra. |